Tema 7 - Dosier
Tema 7 da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto
Español e Internacional.
Esta entrada está centrada no desenvolvemento e actividades do Tema 7, Metodoloxía CLIL/AICLE, con Gonzalo. Para ver un comentario do contido deste tema, ¡pincha aquí!
Esta entrada está centrada no desenvolvemento e actividades do Tema 7, Metodoloxía CLIL/AICLE, con Gonzalo. Para ver un comentario do contido deste tema, ¡pincha aquí!
Este último tema/sesión foi o máis frenético de todos, aínda
que só fixemos dúas actividades.
A primeira consistiu nunha lectura dun documento da Xunta que
explicitaba os logros e expectavias do plan EDUlingüe.
Todos tivemos a sensación (podería ser en parte
influenciados polo profesor) de que, a pesar de que partía dunha base bastante
prometedora, non era moi realista e que contiña numerosas lagoas.
Personalmente, conforme avanzaba na lectura, atopábame con
máis cousas que non me gustaban. Sobre todo a terminoloxía de marketing barato
tipo ‘estrela Pluribach’ que xa avanzaban a publicidade enganosa que atopamos ó
longo de todo o texto. Pouco a pouco deixan de falar de linguas estranxeiras
para utiliza-lo termo ‘inglés’, e ofrecen datos estadísticos pouco ou mal
contrastados con omisións de información importantes (por exemplo, ensinan como
os alumnos melloran en inglés, pero non fan mención a outras materias).
Para min, foi unha boa actividade que evidencia o longo
camiño que queda por percorrer neste oficio, e avanza o tipo de problema e
loitas institucionais e políticas coas que teremos que enfrentarnos no futuro.
Foi unha desas labazadas que todos necesitamos de cando en vez para aprender.
Despois desta intensa e controvertida lectura, tivemos que
resumir nunha diapositiva única un de cinco documentos, por grupos. No meu
grupo o documento era o European Framework for CLIL Teacher Education, e para face-la diapositiva utilizamos
Piktochart.
Neste punto, así como ía anunciando nas entradas anteriores,
esta maneira de trata-los temas comezou a provocar algúns efectos secundarios.
Despois dunha lectura intensa e con moito debate, vímonos cun libro dunhas 40
páxinas do que tíñamos que extrae-lo máis importante e presentalo nunha nova
aplicación, tendo en conta que en breves tíñamos que face-la presentación final
desta materia.
Vou ser honesto e dicir que a partir deste momento non
aprendín nada. Amais, a desproporción entre o tempo dispoñible nese momento e a
cantidade de traballo que tíñamos que facer, xunto coa liberdade para face-la presentación fixo que, para poder presentar
algo decente (e aínda así deu algún erro), tiven que centrarme exclusivamente
en face-la presentación… presentable, limitándome a engadi-lo texto que as
compañeiras decidiran mentres discutían o seguinte punto. Quero deixar claro
que non estou a responsabilizar de ningunha das maneiras ás miñas compañeiras
desta decisión, xa que considero que foi unha obriga provocada pola situación, e se non fose eu, calquera outra
persona tería que face-lo mesmo.
Para cando puxemos en común as presentacións do resto dos
grupos, todos estábamos esgotados e as poucas cousas que poderíamos ter
aprendido esquecéronse, polo menos no meu caso, no camiño de volta a casa.
Como esta é a última entrada de dosier, penso que é
pertinente facer uha análise xeral do curso e falar das actividades con
perspectiva, de comezo a fin.
Xa fixen referencia no pasado ós beneficios de incluir
diversas e múltiples aplicacións e maneiras de presentar información, así como
dalgunhas preocupacións. Por separado, cada actividade é unha idea máis, unha
maneira máis de sumar coñecemento, un conxunto de diferentes competencias que
se traballan mentres se obtén coñecementos teóricos, a costa de non dispor en
moitos casos de información de referencia traballada que sirva de referencia no
futuro.
Temos os resultados das actividades, pero estes recollen as
dúbidas coas que nos quedamos mentres as facíamos, polo que non sirven para
resolvelas. Temos as presentacións dos temas aportadas po-lo profesor, pero ó
non te-las traballadas, só poderían resolve-las nosas dúbidas tras unha lectura
intensa que podería ser igualmente confusa.
Así, en xeral, tras termina-la materia, todas estas
metodoloxías axudaron, sigo falando do meu caso particular, a desenvolver un
mapa de coñecemento xeral de moitas cousas pero nada concreto, salvo aquilo que
realmente me interesara ou có que traballara directamente, e non sempre. Outro
aspecto positivo é que sei identificar moitos problemas e podería resolvelos
con relativa facilidade documentándome adecuadamente.
Si é certo que o profesor aportou moitísima documentación de
referencia para solventar todas estas dúbidas, pero o tempo que se lle podería
dedicar ocúpano a outra parte das tarefas: as entradas de blog coma esta misma.
A principal característica destas entradas é que son a
ferramenta que activa os coñecementos adquiridos. Paréceme importantísimo, polo
que non teño queixa neste sentido, pero o tempo que requiren, xunto coa volatiliade do aprendido mediante estas
actividades innovadoras (sobre todo de familiarización có tema) fai que o
aprendido sexa moi difícil de asentar, por falta de tempo e pola ausencia doutro tipo de actividades, como sería a escoita
relaxada e pausada dunha clase curta maxistral de cando en vez.
Como xa dixen noutra entrada, compre tomar diferentes
perspectivas para saca-lo mellor de cada cousa e, aínda que, de ter que elixir,
prefiro clases como as que tivemos que clases exclusivamente maxistrais,
descarta-las clases maxistrais completamente podería dificultar, a uns máis que
a outros, o asentamento do aprendido.
Comentarios
Publicar un comentario