Tema 7 - Diario



Tema 7 da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional.

Esta entrada é un comentario do contido do Tema 7, Metodoloxía CLIL/AICLE, con Gonzalo. Para ver unha reflexión sobre o desenvolvemento e actividades deste tema, ¡pincha aquí!

A AICLE

A Aprendizaxe Integrada de Contidos e Lingua Estranxeira (AICLE) ou, en inglés, Content and Language Integrated Learning (CLIL) é unha metodoloxía bastante intersante. Ninguén pode negar que as linguas están inevitablemente relacionadas con contidos, polo que aprender contidos específicos de calquera materia da man dunha lingua de estudo pode ter moitos beneficios.
Parte de tres principios metodolóxicos:
- o uso significativo da lingua, que é unha ferramenta que se usa para cumprir con obxectivos doutra materia amais dos lingüísticos.
- a materia como determinante do tipo de lingua que se aprende, coma o vocabulario ou algunhas funcións da linguaxe.
- a fluidez por diante da precisión gramatical e lingüística, xa que desta maneira facilítase o éxito comunicativo e prevense a frustración.
Amais, a AICLE céntrase no alumno e parte do particular para chega-lo xeral.

Na miña experiencia personal, atopei que cando falo unha interlingua de maneira habitual sinto como se fose menos intelixente, porque teño menos mecanismos para comunicar o que quero coa complexidade coa que a penso. O que significa, dende outra perspectiva, que a adquisición de novos mecanismos comunicativos permite, ou promove, coñecemento máis específico, o que é unha das bases da aprendizaxe. Partindo do xeral ó específico, a aprendizaxe dunha lingua pode acompañar perfectamente a aprendizaxe de calquera cousa.
Pola contra, é complicado comprender cousas a gran escala sen coñecer casos particulares que as exemplifiquen, polo que é importante para aprender unha lingua se se coñece ou non previamente aquilo do que se vai falar. No meu exemplo era así, pero nos supostos da AICLE, non. Penso que cando un alumno ten que incorporar un novo concepto á súa rede de coñecemento, incorporalo dende unha lingua na que non está cómodo complica a súa aprendizaxe.
Por ende, para que este método funcione, penso que deben facerse cambios a maior escala do que se está a facer.

O Panorama

Para continuar, quero facer un apunte sobre os esquemas educativos actuais, nos que a aprendizaxe de linguas parte de textos relacionados coa cultura e costumes dos usuarios nativos da lingua de estudo. Penso que esta é a razón pola que esta metodoloxía converteuse máis ben nun programa (agora mesmo, EDUlingüe) o cal, sen cambia-la maneira de ensinar unha lingua na materia de lingua estranxeira, a inxecta noutras materias impartidas por profesores que en moitos casos non teñen o coñecemento lingüístico suficiente para desenvolverse nesa lingua con comodidade e, moito menos, teñen unha comprensión profesional da lingua que teñen que empregar e, aínda de forma indirecta, ensinala.
Por outro lado, de cambiar o contido dos textos que se empregan nas clases de lingua estranxeira por contidos doutras materias, poderíase perde-la oportunidade dos alumnos de coñece-la cultura desa lingua e os seus costumes, cousa inadmisible.

A solución que se me ocorre é mellorar e amplia-la coordinación dos departamentos do centro plurilingüe para descarga-la responsabilidade de transmitir coñecemento sobre as culturas obxecto de aprendizaxe noutras materias como historia que, na miña experiencia (tiven tecnoloxía e matemáticas en francés na ESO), desentendíanse totalmente destes programas. Esta coordinación xa se fai satisfactoriamente, por exemplo, co galego en Galicia. E co castelán en España.

O Profesorado

No xa infame (polo menos no noso aula) proxecto EDUlingüe establécese que o profesorado que se incorpore no programa debe ter como mínio unha acreditación B2 na lingua de ensino e contar co apoio doutras figuras do centro.
Existe un documento, o European Framework for CLIL Teacher Education, bastante amplo e bastante xeral, que recolle as competencias que deben desenvolve-los profesores deste programa.
O problema é que, co proxecto EDUlingüe, en lugar de prepara-los centros interesados de forma paulatina e con calidade, o que se fai é adapta-los centros a esta metodoloxía de forma forzada e a tumbos, como queda demostrado coa contrata, por parte da Xunta, de Trinity College para certificar (tendo en conta o absurdo desta situación existindo as EEOOII que, como o seu propio nome indica, son as certificadoras oficiais do país) niveis B2 de profesores e así acada-los estándares previstos.

A Sensación


Penso que son os departamentos de linguas estranxeiras os que deberían ter maior peso para decidir se é oportuno axeitarse a esta metodoloxía e, en caso positivo, prepara-lo centro para desenvolvela de maneira positiva. A sensación que teño despois de todo isto é que o que manda é a presión administrativa para ter máis puntos facendo trampa.

Comentarios

Entradas populares